Os socialistas reclaman un plan de estabilización con 2.500 prazas para recuperar a calidade na sanidade pública e acabar coa precariedade laboral

  • Escrito por La Redacción - Agencias
  • Publicado en Panorama Galicia

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga / EFE / ARCHIVO O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga / EFE / ARCHIVO

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamoulle hoxe a Feijóo que acorde cos sindicatos un Plan de Estabilización dos profesionais sanitarios con 2.500 prazas de médicos adicionais en catro anos, ademais de garantir a cobertura das vacantes e acabar coa precariedade. Así o dixo na sesión de control ao presidente da Xunta, na que alertou que o aumento das necesidades e a redución dos recursos empeora drasticamente a calidade asistencial.

Remitiuse aos datos oficiais do Ministerio de Sanidade, que revela unha redución de 1.000 traballadores na plantilla das institucións sanitarias galegas dende 2009, cando contaban 35.079 profesionais. Dende aquela, dixo, a precarización e a descapitalización da sanidade cebáronse coa plantilla e de Galicia, onde foron formados 2.500 médicos e só contrataron 322 de forma estable -165 de familia e 157 de outras especialidades-.

Fernández Leiceaga cifrou en torno a 7.000 persoas de tódalas categorías as que traballan suxeitas a condicións precarias, “pululando arredor da sanidade pública para cubrir baixas e vacacións”, nunha situación posta en cuestión pola xustiza galega e europea. Acusou ao goberno galego de botar un “manto de silencio” sobre o problema ao negarse a facilitar cifras oficiais cando “todo o mundo sabe dos contratos lixo”.

Advertiu que a calidade asistencial reséntese inevitablemente duns profesionais de alta cualificación que traballan con salarios moi por debaixo a súa cualificación e reflicten cadros de estrés e desánimo derivados da explotación laboral. Chamou á preocupación pola situación duns profesionais que no mellor dos casos asumen unha situación precaria, cando non “quedan na casa, marchan ou repiten o MIR como mellor opción”.

Cirurxía vascular

O portavoz socialista revelou hoxe o caso do servizo de Anxioloxía e Cirurxía Vascular de Vigo como mellor exemplo das consecuencias destes recortes, con esperas de “un ano e un mes” -123 días para a consulta, 205 para a proba diagnóstica, e 62,9 para cirurxía vascular, en total 390,7 días-. “Non nos parece razoable esta situación e seguro que a vostede tampouco”, remachou.

Fernández Leiceaga remitiuse aos datos do Barómetro Sanitario do CIS de 2015 para sinalar que o 40 por cento dos pacientes tardan máis de 3 meses para a primeira consulta, co que reciben a segunda peor valoración de tódalas comunidades autónomas. Galicia é a que máis tarda, engadiu, para as probas diagnósticas, mentres os ingresos non urxentes en hospitais están por enriba da media.

Remitiuse aos datos oficiais do dito barómetro para constatar, en contra do que afirmou Feijóo, o empeoramento na valoración dos servizos asistenciais sanitarios, xa que as consultas de atención especializada empeoraron para o 22,2 por cento, seguen igual para o 48,6 e melloraron só para o 16,9 por cento.

A atención hospitalaria empeorou para o 22,2 por cento, fronte ao 19,6 por cento que considera que mellorou, mentres segue igual para o 47 por cento. A atención en urxencias empeorou para o 31,5 por cento, máis do dobre dos que consideran que mellorou, o 12,6 por cento, e para o 45,7 por cento segue igual. Sinalou que sen embargo a atención primaria mellorou para o 34 por cento, empeorou para o 13,9 por cento e o 44,5 por cento considera que segue igual (achegamos cadros oficiais do Barómetro sanitario de 2015).