Os socialistas reclaman modificacións no decreto para regular as vivendas de uso turístico e máis información para os concellos

  • Escrito por La Redacción - Agencias
  • Publicado en Panorama Galicia

O portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga / EFE / ARCHIVO O portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga / EFE / ARCHIVO

Os socialistas celebraron esta mañá no Parlamento unhas xornada sobre o decreto da Xunta para a ordenación de vivendas de uso turístico en Galicia con diferentes visións desta problemática. O portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, concluíu o debate cun resumo das intervencións e a conclusión de que esta regulación era “necesaria pero moi mellorable”, polo que anunciou que pedirán modificacións no decreto do goberno autonómico.

Así, Leiceaga afirmou que solicitarán que a Xunta dea “máis tempo para que os trámites que teñen que adoptar os propietarios poidan facerse” e criticou que non houbo “unha campaña de información adecuada”, xa que “se carga aos concellos con algunhas responsabilidades que aínda descoñecen a día de hoxe”. Tamén se referiu a aspectos concretos como “a imposibilidade de alugar as vivendas de uso turístico de forma fraccionada, por habitacións” que non entenden necesarios e que están regulados de xeito distinto noutras comunidades.

O socialista cre que a regulación era necesaria “por motivos legais e porque é unha actividade con moito peso en Galicia” e “hai que facer emerxer canta máis actividade e canta máis oferta turística mellor”. Para iso, dixo, “hai que facilitar as cousas”, e os concellos “son imprescindibles nesa tarefa”, polo que hai que “buscar colaboración con eles e facer que esta actividade se normalice”. Leiceaga apuntou á necesidade de que este sector “teña os dereitos e obrigas doutras actividades económicas” e se estableza “unha competencia leal que permita mellorar a calidade na oferta turística en Galicia”.

Con anterioridade ao portavoz do grupo socialista, a xornada contou coas intervencións do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela Paz, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González, o presidente da Federación Galega de Turismo Rural, Cesáreo González Pardal, e a presidenta de AVITURGA, Dulcinea Aguín.