Os socialistas conminan a Feijóo a "vencer a resistencia do PP á transferencia da AP-9"

  • Escrito por La Redacción - Agencias
  • Publicado en Panorama Galicia

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández, Leiceaga / EFE / ARCHIVO O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández, Leiceaga / EFE / ARCHIVO

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, instou hoxe ao presidente da Xunta a “vencer a resistencia do PP á transferencia da AP-9 no Congreso”. Así o dixo durante o debate no Parlamento da Proposición de Lei que será enviada ás cortes para acadar a transferencia da infraestrutura por segunda vez logo de que a anterior fora vetada polo PP.

O responsable socialista sinalou que desta volta o texto “elimina aspectos que poden dificultar que sexa tomada en consideración polo Congreso”, e chamou a Feijóo a garantir o apoio do seu partido a esta iniciativa. Lembrou que a proposta conta con maioría suficiente e apelou á súa aprobación “canto antes e con ampla maioría”.

Sinalou que as principais dificultades será a súa integración na Rede de Estradas do Estado, pero xa hai precedentes de autoestradas transferidas en Cataluña e País Vasco. Ademais, explicou, a súa transferencia a Galicia non alterará a integración na rede transeuropea de transportes.

Esta Lei permitirá, dixo, iniciar a continuación a discusión na Comisión Mixta de Transferencias para acadar a rebaixa das peaxes mesmo utilizando, propuxo, os 500 millóns de euros que a empresa ten que pagar como imposto de sociedades ata o remate da concesión. A continuación, explicou, a vía poderá ser “mellor xestionada dende a proximidade”, por canto constitúe a “base do artellamento territorial da Galicia occidental”.

Rúa central

O portavoz socialista mesmo chegou a equiparar a autoestrada á “rúa central da gran cidade central de Galicia que demandaban os intelectuais galeguistas e que hoxe integran as áreas urbanas dende Ferrol ata Tui” conectadas pola AP-9. Explicou así que a súa función principal é conectar as áreas urbanas galegas, xa que mentres a Ponte de Rande rexistra 55.000 vehículos diarios, a saída sur de Vigo limítase a 12.500.

Desarmou así o argumento do Executivo de Rajoy, que sinalaba a conexión da AP-9 con Portugal como argumento para desbotar a súa transferencia a Galicia. Sinalou que a dita conexión, ademais de carecer da relevancia que lle outorga, é falsa, e engadiu que a transferencia a Galicia faría imposible o “erro maiúsculo” de prolongar a concesión a Audasa ata 2048, un negocio “ruinoso” para as contas públicas.