Os socialistas acusan a Feijóo de convertir a Lei de Igualdade en "retórica" e esixen "decisión", recursos, programas e equipos

  • Escrito por La Redacción - Agencias
  • Publicado en Panorama Galicia

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga / EFE / ARCHIVO O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga / EFE / ARCHIVO

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, sinaloulle hoxe a Feijóo que “o compromiso coa igualdade esixe máis que retórica, esixe decisión, recursos, programas e equipos”. Así o dixo na sesión de control ao presidente da Xunta sobre a evolución da condición da muller en Galicia durante o goberno de Feijóo, no que dende 2008 se destruíron 40.000 empregos femininos.

O responsable socialista dixo hoxe que a acción política da Xunta “ten deficiencias que é necesario corrixir”, nomeadamente na aplicación da normativa en materia de Igualdade. Sinalou que logo de “incumprir e conxelar” a Lei do Traballo en Igualdade aprobada polo goberno de Touriño, esta foi integrada parcialmente na Lei de Igualdade de 2015 que “dous anos despois ten partes importantes que nin sequera foron desenvoltas”.

Fernández Leiceaga lembrou que a día de hoxe, logo de dous anos, aínda non foi posto en marcha o Plan Galego de Emprego Feminino previsto por aquela norma, cando “a súa responsabilidade é corrixir o piso de lama e o teito de cristal no mercado laboral”. Advertiu tamén da falla de dotación orzamentaria e decisión política para poñer en marcha os plans de igualdade obrigatorios para a administración e os entes adscritos.

Explicou que tampouco renovou o VI Plan de Igualdade da Xunta, rematado dende 2015, e continúan “resistíndose” a liberalizar a concesión de teletraballo na administración. Ademais, propuxo incluír a perspectiva de xénero nos orzamentos da Xunta, “como fan en Suecia, Australia, Corea do Sur, Austria ou na rexión de Berlín”.

Fernández Leiceaga, que comezou lembrando a figura de Pardo Bazán, quen “fai máis de 100 anos dicía que se en vez de chamarse Emilia se chamara Emilio a súa vida tería sido ben diferente”, sinalou que a Xunta “ten mecanismos e instrumentos derrubar barreiras e desaparecer teitos”. Dixo que a situación resulta “inaceptable” e, puntualizou, logo de 8 anos de goberno “non pode mirar para outro lado”.

Fenda salarial

Deste xeito denunciou a fenda salarial “presente en toda a escala salarial”, así como o “maior desemprego, parcialidade involuntaria ou temporalidade alta”, que provocan ademais unha “quebra intensa das prestacións de desemprego” para as mulleres, que perciben unha pensión media un 28 por cento inferior á masculina.

O portavoz socialista reclamou intensificar a perspectiva de xénero nos plans de emprego dirixidos nomeadamente ás mulleres de menos de 35 anos, onde se concentra con maior intensidade o desemprego. Advertiu que malia que as mulleres demandan hoxe máis emprego “por vocación e por necesidade, padecen unha taxa de paro superior á masculina, mentres a metade das paradas levan máis dun ano e medio nesta situación”.

Reivindicou unha actuación “máis decidida e eficaz” da Xunta sobre as condicións de emprego, cando 3 de cada 4 empregos a tempo parcial son ocupados por mulleres, e “non porque queiran, senón por cuestións familiares ou porque non lles ofrecen outra cousa”. Reclamou así discriminación positiva para a contratación a tempo completo nos plans de emprego e aplicar efectivamente a Lei de Dependencia.

O portavoz socialista reivindicou a proposta socialista de poñer en marcha un Plan de consolidación do emprego no sector público dirixido a reducir a temporalidade e que “beneficiará moi positivamente ás mulleres xóvenes”.