Os socialistas denuncian clientelismo na atención á necesidades da sanidade pública por parte da Xunta

  • Escrito por La Redacción - Agencias
  • Publicado en Panorama Galicia

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga / EFE / ARCHIVO O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga / EFE / ARCHIVO

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, denunciou hoxe “clientelismo na actuación política” do Goberno galego, que ofrece unha “atención morosa” ás necesidades sanitarias en función do “interese político do PP”. Así o dixo durante unha visita ao Concello de Vilagarcía de Arousa, onde visitou o solar da Comandancia da Marina, que o goberno reivindica para a construción dun novo Centro de Saúde.

Reclamou un investimento que mellore a calidade da sanidade para toda a área de Arousa, que actualmente conta cun Centro de Saúde, o de San Roque, en activo dende os anos 70. Este é un caso senlleiro, explicou, da xestión cicatera de Feijóo coa sanidade, logo de plantexar un modelo de xestión público – privada para construír 70 centros en toda Galicia que “non interesou aos inversores” e saldouse con “ningún novo centro aberto”.

O responsable socialista anunciou unha campaña parlamentaria para levar este caso a Pleno no mes de abril e a través de varias iniciativas na Comisión de Sanidade da man do portavoz da área, o ourensán Julio Torrado, “ata que este asunto se resolva”. Apuntou que se trata dunha cuestión de “vontade política”, cando todas as miradas se volven cara ao inmoble desocupado da Autoridade Portuaria.

Sinalou a coincidencia do Concello en reclamar un edificio e mesmo ironizou co nomeamento do xerente do Sergas como vogal da Xunta no Porto de Vilagarcía, apelando á súa sensibilidade e coñecementos para “defender a mellora da atención sanitaria” da área. Fernández Leiceaga acompañou ao alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, na visita ao inmoble, xunto co Grupo Municipal e o senador ourensán Modesto Pose.

Alcalde

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, cualificou de “desesperante” a situación de “discriminación” á que a Xunta somete á área sanitaria de Arousa, ofrecendo “escusas de mal inversor” para rexeitar a construción dun novo Centro de Saúde nas dependencias da Autoridade Portuaria.

Explicou que o custe da demolición do edificio suporía un custe de ata 200.000 euros, fronte aos dous millóns e medio que suporía a adquisición de novos terreos que propón o goberno galego. Sinalou ademais que a propia Lei de Portos posibilita a cesión gratuíta cun fin social.