Os socialistas reclaman a transferencia á Xunta de competencias sobre a xestión dos rexistros da propiedade para frear a súa supresión

  • Escrito por La Redacción - Agencias
  • Publicado en Panorama Galicia

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga / EFE / ARCHIVO O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga / EFE / ARCHIVO

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reivindicou hoxe que a Xunta siga o camiño de Andalucía e Cataluña e asuma competencias sobre a xestión dos rexistros da propiedade. O responsable socialista e a portavoz de Xustiza, Patricia Vilán, presentaron unha iniciativa que será levada ao próximo Pleno para reclamar a paralización da supresión destas oficinas.

Fernández Leiceaga dixo que a Xunta é quen pode atender mellor as necesidades da poboación á hora de organizar os rexistros da propiedade, logo dos problemas que derivan da supresión de 9 destas oficinas en Galicia. Dixo que aplicar “criterios puramente economicistas” agudiza a concentración da poboación nas cidades de Galicia e demostra ademais o carácter “puramente retórico” dos discursos do goberno.

Sinalou neste sentido que mentres Feijóo anuncia a Lexislatura do Rural e defende o equilibro territorial, a realidade é que recorta servizos nas zonas máis fráxiles, facendo “máis difícil vivir alá”. Alertou que logo da desaparición dos rexistros “está asomando a patita o peche dos rexistros civís e tamén dos xulgados de paz”, no que se consolida como unha estratexia de desmantelamento da administración da xustiza no territorio.

Fernández Leiceaga lembrou os problemas que lle provocan ao rural as subas catastrais pola actualización en tan só 5 anos de retrasos que se remontan a tres décadas no 60 por cento dos concellos de Galicia. Reclamou que a actualización sexa “permanente” co obxectivo de “evitar os problemas de liquidez e rendas” para a poboación que ten que afrontar estes gastos repentinos.

O portavoz dos socialistas galegos criticou que o presidente da Xunta defenda un discurso de “impostos cero no rural” cando coa outra man están realizando “subas catastrais abruptas e desproporcionadas que xeran o efecto contrario”.

Accesibilidade

A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, reivindicou a “accesibilidade dos cidadáns en igualdade” aos servizos xudiciais, en alusión á supresión dos nove rexistros da propiedade. O novo reparto deixa ás localidades afectadas sen rexistrador da propiedade, pero coa capacidade de recibir documentos “de momento”, xa que o goberno abre a porta a unha nova revisión posterior.

Ademais provocará, advertiu, situacións como a dos veciños de Muros, que deixarán de ter un rexistro propio a ter que desprazarse ata Corcubión sen ter liñas de transporte público. Este mesmo rexistro asumirá tamén á poboación por exemplo da Serra de Outes, que non poderá dirixirse ao rexistro de Noia, situado apenas a 7 quilómetros.

Un caso semellante se reflicte na montaña de Lugo, onde Queiruga, Monforte e A Fonsagrada pasarán a integrarse en Ribadeo, e o de Becerreá será asumido por Sarria, mentres en Pontevedra desaparece Pontecaldelas, que pasa a Redondela. A provincia máis afectada será Ourense, coa desaparición do rexistro de Celanova –que pasará a Allariz- mentres Ribadavia, Verín e Viana do Bolo dependerán de O Carballiño.