Os socialistas reclaman un "plan especial de seguridade" contra as mafias que trafican con pisos baleiros

  • Escrito por La Redacción - Agencias
  • Publicado en Panorama Galicia

A portavoz de Economía e Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo / PSdeG-PSOE A portavoz de Economía e Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo / PSdeG-PSOE

A portavoz de Economía e Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, reclamou hoxe un “Plan especial de seguridade” contra as mafias que trafican con pisos baleiros “aproveitando a vulnerabilidade, a precariedade e a pobreza das familias”. A responsable socialista presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para conxugar o dereito á vivenda co dereito dos propietarios.

Rodríguez Rumbo instou a poñer coto ás “inmobiliarias okupas” que aproveitan que Galicia conta con gran cantidade de vivendas construídas baleiras, aproximadamente un terzo do total. Estas organizacións, dixo, aproveitan a situación de vulnerabilidade de moitas familias xerada á sombra da “burbulla inmobiliaria” e dos “anos do austericidio” para realugar vivendas desocupadas ao tempo que extorsionan aos seus propietarios.

A responsable socialista lembrou que se trata dun delito penal e urxiu a impulsar acordos coas corporacións locais para incorporar á Policía Local ás labores de vixilancia en colaboración coa Garda Civil e a Policía Nacional. O obxectivo é reforzar as labores de investigación e potenciar a captación de información para atender aos intereses dos titulares das vivendas e as necesidades das persoas que ocupan as casas.

Chamou a “conxugar o dereito fundamental á vivenda co dereito dos propietarios, que non deben soportar cargas que incumben ás administracións”, e protexelos dunha situación de vulnerabilidade e pobreza acentuada pola xestión da crise económica polos gobernos do PP.

Advertiu que esta crise, “sumada ao desamparo das administracións do Estado”, levan a que “emerxa a parte máis negativa dunha sociedade, a oportunidade das mafias que aproveitan a vulnerabilidade, a precariedade e a pobreza das familias”.

Reforma legal

Ademais, propuxo unha reforma da Lei de Axuizamento Civil que prevea que sempre que se notifique unha resolución que conteña fixación de data de lanzamento ou desafiuzamento de primeira vivenda, daráselle traslado de dita resolución aos servizos sociais competentes por razón de territorio.