Leiceaga: "Moito ruído e poucas noces na Conferencia de Presidentes Autonómicos"

  • Escrito por La Redacción - Agencias
  • Publicado en Panorama Galicia

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, lamentou hoxe que Feijóo ofrecera “moito ruído e poucas noces” na súa comparecencia no Parlamento logo da Conferencia de Presidentes da semana pasada. Reclamou “diálogo” por parte do goberno para informar e consensuar cos grupos parlamentarios os criterios que defenderá Galicia na conformación do novo modelo de financiamento territorial.

Fernández Leiceaga lamentou que a Xunta acudira á Conferencia sen explicar nin acordar a súa posición nin as súas demandas, o que provocou unhas “expectativas elevadas e resultados magros” logo de ter durante 50 meses sen convocar un encontro que debera ser anual. Sinalou así que “non se fixo referencia ás infraestruturas nin á construción do AVE, ás transferencias pendentes nin ao Fondo de Compensación Interterritorial.

Lembrou que o propio Feijóo criticaba en 2007 a falla de documentación por parte do goberno, así como a falla das infraestruturas viarias como un dos elementos a debater na Conferencia de Presidentes Autonómicos convocada daquela por Zapatero.

O responsable socialista amosouse disposto a “facer un esforzo de consenso” para designar ao representante de Galicia na Comisión de Expertos que analizará a reforma do modelo de financiamento territorial, por moito que se trate dun órgano “pouco operativo”. Reclamou sen embargo acordar “os criterios” que defenderá Galicia nese encontro para mellorar o seu financiamento, que hoxe atópase no 110 por cento da media do Estado.

Campo de xogo

Dixo graficamente que “hai campo de xogo, os presidentes autonómicos e o goberno de España están de acordo en xogar unha liga, pero fáltannos os resultados”, para o que reclamou maior diálogo co goberno galego, que permita “establecer a nosa posición negociadora e establecer consenso”.

Criticou a nula disposición de Rajoy a aportar recursos adicionais para equilibrar o financiamento da sanidade, educación e servizos sociais por parte das comunidades autónomas, o que considera un “mal punto de partida para acordar o financiamento autonómico”. Lembrou que en 2009 o goberno puxo 11.600 millóns adicionais e reclamoulle a Feijóo cánto lle reclama ao goberno central.

Tamén criticou a inconcreción das demandas do goberno galego en materia de Dependencia fronte á falla de compromiso do goberno central, que limita a súa aportación a “crear unha subcomisión”. Lembrou que de acordo coa Xunta, Galicia aporta o 71 por cento fronte ao 22 por cento do Estado, e propuxo demandarlle ao goberno 2.000 millóns adicionais, dos que Galicia “podería aspirar a captar 150” para atender aos dependentes recoñecidos que non reciben as prestacións.

O mesmo sucede na sanidade, cando o goberno galego segue sen acordar “cánto queremos a maiores” nos baremos de ponderación do avellentamento e a dispersión para repartir os fondos de sanidade. Reclamou tamén unha estratexia nacional fronte ao reto demográfico, e valorou o debate en Galicia entre o goberno e os grupos parlamentarios, pero “para falar de fecundidade, avellentamento e tamén de saldos migratorios negativos”.

Instou ao PP a buscar acordos “máis amplos que o limitado ao seu partido” no Parlamento de Galicia para impulsar unha posición unitaria no debate do pacto educativo que comezará no Senado, e amosouse disposto a “impulsar unha subcomisión sobre violencia de xénero” na Comisión de Igualdade do Parlamento.