Os socialistas piden unha solución para que os terreos da Solana sexan públicos e reivindican a súa cesión gratuíta

  • Escrito por La Redacción - Agencias
  • Publicado en Panorama Galicia

Os portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, e o deputado coruñés Juan Manuel Díaz Villoslada / Foto del PSdeG-PSOE Os portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, e o deputado coruñés Juan Manuel Díaz Villoslada / Foto del PSdeG-PSOE

Os portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, e o deputado coruñés Juan Manuel Díaz Villoslada reclamaron esta mañá na Coruña unha “solución definitiva” para que os terreos da Solana sexan públicos e solicitaron que se abra a posibilidade legal da cesión gratuíta, “como xa se fixo noutras infraestruturas portuarias de España”, explicaron, xa que é un espazo “integrado perfectamente na cidade”.

Leiceaga amosou a súa “estupefacción” polo feito mesmo de que a privatización destes terreos se poña enriba da mesa. “É un asunto que nunca debía ter chegado a este extremo. Como cidadán resúltame chocante que se poida falar dunha privatización dese espazo”, dixo, e máis aínda “que a alguén se lle poida ocorrer isto e que desde un ámbito de responsabilidade pública no que está presente a Xunta se vexa como algo normal ou algo que se pode facer”.

O portavoz socialista lembrou que o propio Villoslada defendeu unha iniciativa na comisión de pesca do Parlamento sobre porto exterior na que a Xunta lle respostou “que non había ningún problema financeiro no porto exterior”, cando agora esta é “unha das razóns que aducen os responsables de Puertos del Estado para a privatización destes terreos”, que “deben estar ao servizo dos coruñeses e a ser posible volver ao ámbito público municipal de xeito gratuíto”.

“Esta tarde debe alumbrarse unha solución definitiva que resolva con claridade o futuro destas dotacións. De non ser así, imos seguir insistindo no Parlamento e explicándolle á opinión pública que esta batalla se pode gañar e que nós non imos dar un paso atrás para defender esa posición”, afirmou Leiceaga, que pediu “unha posiición favorable de Puertos del Estado e unha actuación dilixente por parte do goberno municipal para que o obxectivo se cumpla”.

Pola súa banda, Villoslada lembrou que os socialistas xa preguntaron no Parlamento por este tema e afirmou que “a cidade merece unha resposta” despois de que o PP “se vise na necesidade de apoiar” no pleno municipal a moción do 9 de xaneiro presentada polo PsdeG. “O PP deuse conta de que se estaba equivocando, e esperamos que Fomento, a Autoridade Portuaria e Puertos del Estado esta tarde estean en condicións de chegar a un acordo en beneficio da cidade”, dixo, despois da “emenda á totalidade” que fixeron as institucións gobernadas polo PP das decisións previas que tomaron neste tema.

O deputado coruñés apuntou que é imprescindible “compatibilizar os intereses do porto, a viabilidade do porto exterior de Punta Langosteira e as necesidades de espazos públicos” na cidade. “É desacertado que pasen a mans privadas sen respectar os prazos para as propostas públicas ou sen tratar a cesión gratuíta, que queremos reivindicar como se fixo noutras infraestruturas portuarias de España”, explicou.

Villoslada lembrou que no consello da Autoridade Portuaria están a Xunta e a consellería de Medio Ambiente, polo que teñen unha responsabilidade directa na toma de decisións, e lamentou que a conselleira non comparecese no pleno como socilitaban os socialistas e o fixera no seu lugar a responsable de Mar. “Os responsable políticos teñen que explicarlle directamente á cidadanía as decisións que se toman e por que”, apuntou.