O PP veta as 651 emendas presentadas polos socialistas aos Orzamentos da Xunta

  • Escrito por La Redacción - Agencias
  • Publicado en Panorama Galicia

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández, Leiceaga / EFE O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández, Leiceaga / EFE

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández, Leiceaga, criticou hoxe que o PP teña aprobado os orzamentos da Xunta para 2017 sen incorporar unha soa das 603 emendas presentadas polo Grupo Socialista ao Estado de Gastos e das 48 ao articulado. Na súa intervención no debate final de Orzamentos, criticou a “arrogancia” do PP ao aplicar o rolo parlamentario.

Leiceaga ironizou cun “orzamento perfecto”, que é aprobado sen tomar en consideración unha soa emenda da oposición cando está “trufado de imperfeccións”, pensado para ser modificado ao longo do ano e “feito para incumprirse”. Sinalou que as contas do goberno galego equivócanse pola base de centrarse no cumprimento do déficit e no “axuste excesivo” sacrificando para elo o crecemento e a creación de emprego, moi por debaixo da media estatal.

Criticou ademais a falla de ambición para dispoñer de investimentos que son substituídos por “unha estratexia tributaria de chuvia” deseñada para “privilexiar os resultados electorais fronte ao crecemento”. O orzamento, dixo, “non reflicte a recuperación e non acomete a reforma profunda do perfil de gasto para atender as necesidades sociais e impulsar o crecemento”.

Os socialistas galegos propuxeron un orzamento alternativo que mobilizaría 414 millóns de euros para impulsar a creación de emprego, a competitividade e o crecemento inclusivo, que “non deixe a ninguén atrás”. Neste sentido, considera “imprescindibles” os “sistemas públicos de atención a aqueles que o precisan”, así como “a garantía pública de servizos básicos, como a educación ou a sanidade”.

Concluíu que os orzamentos constitúen “unha oportunidade perdida” de cara á rectificación das políticas “que non funcionan”, a posta en marcha de políticas sociais posibles pola recuperación económica, unha recuperación que debe ser trasladada ao conxunto da poboación.

Criticou que o goberno galego “persevera no erro”, renuncia a unha Galicia “máis competitiva, centrada en crear máis oportunidades e que coide mellor da nosa xente” e fracasada á hora de “protexer a Galicia material ameazada, a identidade esvaída”.

Emprego

O portavoz de Orzamentos do Grupo Socialista, Abel Losada, foi o encargado de defender as 48 emendas ao articulado presentadas polos socialistas para buscar uns orzamentos sociais centrados na creación do emprego e o impulso económico. O responsable socialista censurou que o PP rexeitara todas e cada unha destas emendas mentres Galicia aumentara o número de desempregados e de fogares sen ingresos por enriba da media.

Lamentou que Feijóo “saque peito en Madrid polo cumprimento do déficit” mentres os ocupados medraran en Galicia un 1,7 por cento, por debaixo do 2,3 da media, e os parados diminuíran un 8,3, tres puntos menos do 11,3 do conxunto do Estado. Ademais, os fogares sen ingresos aumentaron en Galicia un 13,1 por cento no último ano mentres no Estado diminúen un 12,6 por cento.

Advertiu que o número de fogares sen ingresos teñen aumentado en Galicia un 88 por cento dende o terceiro trimestre de 2009, moi por enriba do 21 por cento que aumentaron no conxunto do Estado no mesmo período.

Losada criticou que o PP teña rexeitado entre outras as emendas dos socialistas dirixidas a mellorar a transparencia, incluíndo o control das modificacións orzamentarias, a xestión de fondos europeos ou mecanismos para prevención da corrupción. Tamén rexeitaron aumentar a fiscalidade ás grandes fortunas para garantir accesibilidade a tódolos escolares a libros de texto gratuítos.

O PP impediu “superar as taxas de reposición” de empregados públicos, nomeadamente na sanidade e educación logo de ter convertido 4.900 empregos públicos en temporais. Tampouco quixeron aumentar a transparencia da prestación de axudas públicas, limitar o uso do financiamento público – privado nos servizos públicos ou limitar os concertos educativos.

O parlamentario socialista criticou que o PP teña presentado uns orzamentos que reflicten a súa “ideoloxía política” ao perseverar na privatización e no cumprimento do déficit e da austeridade a costa do impulso económico e do deterioro dos servizos públicos para os que máis o necesitan.