XSG: “Se Feijóo quere subvencionar a Red Madre que o faga cos seus propios cartos e non cos dos galegos e galegas”


As Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) saíron hoxe ao paso da información publicada polo diario Galicia Confidencial en relación ás escandalosas subvencións públicas recibidas pola Asociación Red Madre que o seu único cometido é atacar o dereito recoñecido das mulleres a decidir sobre o seu corpo.

O secretario xeral das XSG, Aitor Bouza, manifestou que “este é o feminismo sen etiquetas do que fachendea tanto o Sr. Feijóo: subvencionar e manter con fondos públicos Asociacións que van en contra do dereito das mulleres a decidir sobre o seu corpo, así como a colexios que segregan ao alumnado por sexo.”

Bouza lamentou que “subvencionan estas Asociacións que no fondo non son máis que o mesmo que Hazte Oír, pero na aparencia tentan parecer máis moderadiñas. Ao fin e ao cabo non é máis que a subvención da súa propia ideoloxía, xa que hai que lembrar que o Partido Popular de Galicia con Feijóo á cabeza votou sempre no Parlamento en contra do dereito das mulleres a decidir, aínda que o presidente da Xunta logo fose polos platós televisivos dicindo o contrario para ir de progre.”

Pola súa banda a secretaria de igualdade, Vanesa Siso, declarou que “o goberno do PP de Galicia espalla subsidiariamente a súa ideoloxía conservadora subvencionando con cartos públicos unha asociación que se cre co dereito de querer decidir sobre o corpo das mulleres. O moderado Feijóo dá leccións de feminismo ante os medios ao tempo que coarta a liberdade das mulleres, como fixo no seu día Gallardón.”

Siso manifestou que “apelando á liberdade de expresión, menoscaban os dereitos das mulleres. Non todo vale, e con estes actos demostran cal é a verdadeira cara de quen nos goberna en Galicia, un partido que emprega os cartos de todos para a segregación escolar por sexos, o fomento da súa ideoloxía conservadora, en esquecer por completo que a igualdade si precisa de recursos públicos, e non só de verborrea parlamentaria para tentar enganar aos cidadáns e cidadás.”