Os socialistas centran no proceso de venda de NGB a Banesco as súas propostas para o plan de traballo da comisión das caixas


O grupo socialista vén de rexistrar as súas suxerencias para o plan de traballo da segunda fase da comisión de investigación sobre as antigas caixas de aforro, que están centradas de xeito relevante no proceso de venda de Novagalicia Banco a Banesco.

Os socialistas reclamarán tamén a comparecencia dos gobernadores do Banco de España e os presidentes do FROB durante todo o proceso, así como a dos responsables de Facenda dos gobernos presididos por Alberto Núñez Feijóo, Marta Fernández Currás e Elena Muñoz, e a do conselleiro do Tribunal de Cuentas responsable do informe de fiscalización do proceso de reestruturación bancaria.

Por otra banda, solicitan os contratos de traballo asinados por José Luis Méndez desde 1981, cando foi designado Director Xeral de Caixa Galicia, así como as actas e outra documentación dos órganos directivos de Caixa Galicia, reservándose “o dereito a solicitar novas comparecencias en función da información obtida”. Piden ademais as comunicacións entre a Presidencia da Xunta de Galicia e o Banco de España en relación coas indemnizacións dos directivos das caixas de aforro e os expedientes enviados polo FROB á Fiscalía relativos a operacións inmobiliarias de Caixa Galicia e Caixanova.

Con respecto ao proceso de venda, solicitarán os informes de valoración da entidade Novagalicia Banco emitidos por Barclays, Ernst & Young e HSBC, os expertos que foran designados polo FROB. Tamén queren que sexa aportada a due diligence encargada polo FROB e realizada por Price Waterhouse Cooper sobre estes informes, e que “determinou o valor económico da entidade”.

Outras das solicitudes dos socialistas con respecto ao proceso de venda son o caderno de venda encargado polo FROB á entidade BNP-Paribas e os informes encargados a McKinsey & Co. e Nomura International PLC para xustificar e desenvolver o proceso, así como as propostas presentadas polo resto de participantes na venda: Caixabank, Banco Santander, BBVA e os fondos de investimento.