Os socialistas solicitarán que a Xunta retire a partida de 650.000 euros de financiamento público para contratar curas no sergas


O portavoz de Sanidade do grupo socialista, Julio Torrado, vén de adiantar que mañá levará unha iniciativa para o seu debate na Comisión 5ª do Parlamento na que solicitará retirar os servizos relixiosos financiados pola Xunta nos hospitais do Sergas. “Non estamos en contra de que as persoas poidan demandar a presenza de curas, é unha decisión e crenza persoal, pero non queremos que se financien con cartos públicos”, explicou.

Torrado apuntou que nos Orzamentos autonómicos para 2017 hai unha partida quer supera os 650.000 euros destinada a contratar a 52 curas -41 deles a xornada completa e 11 partida-, que ademais non teñen unha presenza física continua nos hospitais. “En tempo de axustes é prioritario contratar médicos e non curas”, afirmou o socialista.

Así, explicou que esta partida serviría para contratar, por exemplo, “quince médicos de atención primaria para quince pobos que están demandando médicos”, ou 25 fisioterapeutas de atención primaria, “nun tempo con recortes da Xunta moi notorios” nos que a través dunha iniciativa socialista no Parlamento vén de aprobarse a necesidade de convocar unha OPE con 1.600 prazas en Sanidade.

A Consellería de Sanidade, “intervida de facto”

Torrado destacou que esta iniciativa é necesaria por unha cuestión “de eficiencia” na xestión. “A Consellería de Facenda está a intervir de facto a Consellería de Sanidade, o que deixa en cuestión a xestión económica do conselleiro, e estamos a vivir tempos de axustes difíciles nos últimos anos”, dixo. A isto súmase o feito de que nin sequera existe unha presenza real dos curas contratados a tempo completo ou parcial, e que en moitos casos “as persoas ingresadas requiren a presenza do cura que coñecen, do seu párroco” e non dos que están a cobrar do Sergas.

Por outra banda, o deputado soccialista considera que “a relación entre a administración pública e a Igrexa xa “facilitadora e extremadamente porosa”, polo que este tipo de contratacións non son “razonables”, di. “É unha cuestión que entra dentro do ámbito privado, polo que é imprescindible poder revertir esta partida e destinar o financiamento a persoal que contribúa a mellorar nalgunha medida o sistema sanitario”.