O PP impide cos seus votos que a Xunta retire a partida de 650.000 euros de financiamento público para contratar curas no sergas


O PP vén de rexeitar cos seus votos en contra que a Xunta retire dos Orzamentos de 2017 a partida de persoal de máis de 650.000 euros para contratar a 52 curas nos hospitais do Sergas. O portavoz de Sanidade do grupo socialista, Julio Torrado, criticou os argumentos dos populares, xa que “respectar o credo individual das persoas” non significa “financialo con cartos públicos”.

Torrado defendeu a petición do grupo socialista para retirar esta partida dos Orzamentos por dúas razóns principais: a primeira, non “seguir alimentando” unha relación entre a administración pública e a Igrexa que xa é “suficientemente facilitadora e porosa”, xa que “as prácticas relixiosas pertencen ao ámbito do privado e non do público”. A segunda, aumentar a “eficiencia” da Consellería de Sanidade, que está “intervida de facto” e ten que ser “tutelada” pola Consellería de Facenda pola súa mala xestión.

“É máis importante contratar médicos, enfermeiros, fisioterapeutas, psicólogos...que curas”, defendeu o socialista, xa que “o máis razonable é axustar naquelo que menos afecta ao servizo sanitario”. A modo de exemplo, Torrado apuntou que con esta partida de 650.000 euros poderían ser contratados 15 médicos de primaria para pobos que o necesitan ou que non teñen médicos substitutos, 20 fisioterapeutas, 15 médicos de urxencias ou 25 enfermeiros de atención primaria.

Por outra banda, Torrado expuxo que os sacerdotes contratados nin sequera están presentes de forma permanente nas instalacións hospitalarias a pesar de ter contratos a xornada completa ou temporal, e tampouco se coñece a súa situación e condicións laborais, polo que “hai dúbidas do funcionamento real” destas contratacións. E máis tendo en conta que moita xente solicita que o cura que lles asista sexa o seu propio párroco, por unha cuestión de cercanía, e non os contratados polo Sergas.

“Non estamos en contra de ninguén, estamos moi a favor de que á xente que sinte esa necesidade se lle facilite levalo, asistilo, pero non financialo con cartos públicos”, incidiu Torrado, porque do contrario “habería que preguntarlle a cada paciente cales son as manifestacións culturais ou relixiosas” que lle fan sentir ben e financialas do mesmo xeito.