XSG: “O Rei e a Monarquía supoñen un obstáculo para o exercicio da democracia”


As Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) reclaman unha vez mais a instauración da III República Española e conmemoran a proclamación da II República o 14 de abril de 1931. “Considerámonos republicanos por razóns ideolóxicas, de memoria e de principios éticos”.

Bouza indicou que “a defensa da República como modelo de Estado forma parte da nosa identidade política, así como a lembranza dos logros alcanzados na última etapa republicana, derrubada da forma máis vil cun golpe de Estado que nos arrastrou a unha ditadura”.

O líder das XSG evidenciou que “mentres na actualidade en España o xefe do Estado o é por nacemento, a súa persoa é inviolable e non está suxeita a responsabilidade, na República o xefe do Estado era elixido por sufraxio universal e non gozaba de privilexios inxustos”. “A xuventude española non se sente identificada con este modelo de Estado porque non forma parte de quen aceptou o seu establecemento”.

Dende a Organización remarcaron que “a Constitución republicana tivo a vontade de crear un marco de igualdade de xustiza e de liberdade”.

“Os valores republicanos deben ser un punto de encontro, un espazo común que conduza ao bo goberno e ao civismo”. Os mozos e mozas socialistas concluíron propoñendo que “dende a República comecemos a valorar a importancia que temos dentro da sociedade e a responsabilidade que debemos asumir polo ben común”. “O fin último que trae consigo a República é a consecución dunha cidadanía preparada, libre, igualitaria, que sexa o contrapeso do poder cando este se exerce de costas a ela”. “Por iso –remataron– hoxe máis que nunca, debemos apostar por unha España Republicana”.