Os socialistas piden á Xunta que "resolva as incertezas" sobre a proba de avaliación de bacharelato para acceder á universidade


O deputado socialista Luis Álvarez instou ó goberno galego a aclarar aspectos sobre a futura proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU). Presentou unha serie de iniciativas parlamentarias logo da alerta lanzada pola valedora de que esta “vulnera os dereitos académicos dos estudantes” e esixiu a posta en marcha de “medidas urxentes que resolvan as incertezas”.

Álvarez cuestionou as previsións sobre a exención na materia de Lingua Galega e Literatura nesta proba, afeando que o executivo pretenda limitar esta opción ós alumnos exentos en segundo de Bacharelato, mentres que a orde en vigor inclúe aos bachareis que estiveran fóra de Galicia ou exentos nalgún dos dous cursos.

Así mesmo criticou que a resolución do ABAU tampouco aclara a situación do alumnado que repetiu o segundo curso de Bacharelato soamente coas asignaturas non superadas, nen daquelas persoas que tendo rematado ambos cursos non superaron a selectividade.

O socialista apunta ademáis a que a modificación dos parámetros de ponderación das materias de avaliación voluntaria “é contraria ós principios básicos do ordenamento”, xa que a marxe de dous meses outorgada ós consellos de goberno do Sistema Universitario de Galicia “é claramente escasa”.

Por estes motivos, que levaron á valedora do pobo a abrir unha investigación de oficio ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Grupo Socialista reclama á Xunta que aborde “de inmediato” este asunto “de máxima prioridade para o alumnado de 2º de curso de bacharelato”, criticando a demora de tres meses en publicar a normativa autonómica necesaria dende a publicación da normativa estatal.