Os socialistas piden á Xunta que remate ca "ameaza para a Saúde" dos nenos pola presenza de amianto en centros escolares


A deputada socialista Patricia Vilán preguntou esta mañá ó goberno galego qué ten pensado facer para poñer fin á “ameaza para a saúde dos nenos e o medioambiente” que supón a presenza de amianto nalgúns centros escolares galegos en puntos como os tellados, os falsos teitos, ou nas caixas das persianas, que pola súa antigüidade e o deterioro polas chuvias representan “un verdadeiro risco para a vida dos nenos”.

Na Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, Vilán asegurou que “o colectivo educativo está preocupado”, polo que os socialistas queren saber “se a Xunta tamén o está” e se ten pensado realizar un informe dos centros afectados, un plan de desamiantado “rápido, seguro e definitivo” en “periodos non lectivos” e unha normativa específica na materia.

A deputada lembrou que son varias as normas que prohiben o uso deste material: un Real Decreto do 2006, e unha Resolución do Parlamento Europeo do 2013, na que se pide expresamente que os Estados membros avancen no proceso de eliminación gradual do amianto no menor prazo posible. E que mesmo a Valedora do Pobo advertiu hai xa 3 meses da elevadísima presenza de amianto en centros escolares das 4 provincias, pedindo á Xunta unha solución.

Vilán canalizou as queixas presentadas pola asociación CONFAPA Galicia, insistindo en que que “estamos a falar de menores, de nenos”, que están expostos a un compoñente que causa “terribles efectos físicos e un sufrimento psicolóxico terrible” que pode derivar na aparición e desenvolvemento de cancro, especialmente de pleura ou pulmón. Sen embargo, o representante da Xunta limitouse a “botar balóns fóra” ante as seis preguntas presentadas pola deputada socialista.