El Periódico | 1886
     Suscríbase gratis
actualizado 2:33 PM UTC, Apr 25, 2017

Os socialistas esienlle á Xunta "compromiso firme en sede parlamentaria" para desbloquear o proceso de declaración da Ribeira Sacra como patrimonio da humanidade


O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, esixiulle hoxe ao goberno galego un “calendario crible, realista e dilixente” para tramitar diante da Unesco a petición de Declaración de Patrimonio da Humanidade para a Ribeira Sacra. Os socialistas levarán ao Pleno da próxima semana unha pregunta oral para reclamar un “compromiso firme en sede parlamentaria” por parte da Xunta.

Fernández Leiceaga pediu un “calendario crible, realista e dilixente” para desbloquear a declaración da zona como Patrimonio da Humanidade que poña en valor as “riquezas culturais, sociais, paisaxísticas desta comarca”. Suporá, dixo, unha “oportunidade para combater a regresión demográfica e a perda de poboación” e impulsar a “creación de emprego, riqueza e oportunidades” nunha zona afectada polo desequilibro territorial.

O responsable socialista explicou que a proposta recolle as iniciativas aprobadas nas deputacións de Ourense e Lugo, así como nos concellos das comarcas de Caldelas e Lemos para presentárllelas ao goberno galego e “rematar con demasiado tempo de retórica sen feitos”. Instou a “pasar das declaracións ás accións e comezar por formalizar o BIC que permita a continuación levar á Unesco a petición desta declaración.

Fernández Leiceaga realizou hoxe unha visita ás dúas provincias para “chamar a atención sobre o carácter biprovincial” da Ribeira Sacra e servir como “acicate para que a Xunta sexa dilixente”. Puntualizou que “é á Xunta a quen lle corresponde” o trámite dunha declaración que “non reforza os valores das comarcas, senón que simplemente os sinala e significa poñela nun mapa en todo o mundo”.

Advertiu que toda Galicia coñece xa dos valores turísticos da Ribeira Sacra, un “territorio conxunto dende o punto de vista patrimonial, histórico, paisaxístico, gastronómico, vitivinícola cunha unidade aínda non delimitada”.

O responsable socialista comezou a xornada cunha visita ao Castelo de Castro Caldelas, acompañado pola alcaldesa, Sara Inés Vega, e o secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ourense e parlamentario autonómico, Raúl Fernández, que reivindicaron apoio público para garantir as infraestruturas e as medidas necesarias para “desenvolver as potencialidades da comarca”.

Nesta parte da visita tamén participaron, xunto co portavoz parlamentario, o portavoz socialista na Deputación provincial, Francisco José Fraga, e cargos públicos e orgánicos dos socialistas de Ourense.

Fernández Leiceaga trasladouse a continuación a Monforte de Lemos, onde presentou a iniciativa na beira luguesa da Ribeira Sacra xunto co alcalde, José Tomé Roca, o presidente da Deputación provincial, Darío Campos, e os deputados autonómicos José Antonio Quiroga, Concepción Burgo e Luis Álvarez.

O alcalde de Monforte reivindicou ademais unha declaración Patrimonio da Humanidade “compatible co desenvolvemento rural” e compatible coas actividades agrogandeiras que “foron precisamente as que ao longo dos anos moldearon a paisaxe natural e conformaron o entorno que hoxe temos”.