Os socialistas afean á Xunta a súa "cobardía" á hora de tomar decisións sobre transporte público escolar nos días de temporal


O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, acusou hoxe ao goberno galego de trasladarlle aos pais e nais e ás direccións dos centros educativos a responsabilidade de garantir o funcionamento habitual nos días de temporal de neve, afeando a súa “cobardía” á hora de tomar decisións.

En Comisión parlamentaria, Álvarez lembrou que o día 22 de marzo os autobuses escolares públicos levaron ós alumnos ós seus centros pero non os recolleron, producíndose a situación inversa na xornada seguinte. Unha “desorganización” que provocou un “trastorno na vida familiar” de centos de pais e nais, por mor dunha “curiosa planificación”.

Criticou tamén que a xestión do goberno galego sexa “un auténtico esperpento dende o punto de vista de responsabilidade civil”, acusando á Consellería de Educación de esquecer que “ten a custodia dos alumnos dende o momento que suben ó autobús”.

Os socialistas veñen denunciando repetidamente que a forma de asumir responsabilidades por parte da Consellería de Educación “é sempre a mesma ante os temporais: se o alumnado vai a clase eses días, que os leven ou os recollan os seus pais en lugar do transporte escolar. Si se suspenden as clases, que sexan as direccións dos centros as que asuman esa responsabilidade”.