Os socialistas piden á Valedora "firmeza e contundencia" para preservar os dereitos dos Galegos e Galegas


O deputado socialista Raúl Fernández pediu esta mañá á Valedora do Pobo unha actuación “acorde co compromiso de atención obxectiva de tódalas queixas” e unha “priorización das demandas que afecten ós máis vulnerables”.

Na súa intervención na comparecencia da Valedora ante o Pleno do Parlamento, para valorar o informe do 2016 de dita institución, Fernández abordou tres cuestións “que son motivo de preocupación para o Grupo Socialista”, insistindo en que “hai moito que mellorar, e moitos dereitos que protexer e recuperar”.

En primeiro lugar, afeou o aumento dun 65% das queixas presentadas en 2016 con respecto a 2015, o que reflicte “un aumento da insatisfacción da cidadanía” e amosa que “as reclamacións non se resolven no ámbito competencial correspondente”. Ademáis, apuntou que estes asuntos incrementáronse nun 3%, o que supón “69 asuntos máis en tan só un ano”.

Outro asunto que preocupa ós socialistas é a concentración das reclamacións en torno a dúas áreas que acumulan un 95,5% das queixas: sanidade e emprego público. Dous sectores “moi sensibles, de máxima preocupación para os cidadáns” que son competencia da Comunidade Autónoma e que “foron xestionadas nos últimos oito anos polo PP, quen se mostrou impacable coa aplicación de políticas de recortes e precarización”.

Raúl Fernández apuntou tamén a unha “desconexión entre a administración e o rural galego”, sinalando que o 99,9% das reclamacións presentadas ante o Valedor do Pobo proveñen das cidades. Un feito “preocupante” tendo en conta que “todos sabemos que o déficit no rural é moito maior que no urbán e que a súa realidade dá para moitas máis reclamacións”.

Tras esta análise, o deputado socialista pediu á Valedora “sensibilidade, xenerosidade e flexibilidade” na aceptación das reclamacións, “decisión e perseverancia na tramitación das mesmas” e “firmeza e contundencia” para preservar os dereitos dos galegos e galegas”.