Os socialistas lembran o sumario aberto polos cursos de formación da Xunta como exemplo de que a corrupción é "sistémica no PP"


O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, puxo hoxe o sumario da Operación Zeta como exemplo de que a Xunta “non é allea á corrupción sistémica do PP”. En resposta a preguntas dos xornalistas, sinalou que o goberno galego aínda ten aberto o sumario polo presunto uso de cursos de formación do goberno para o financiamento ilegal do partido.

Á espera de coñecer o verdadeiro alcance da imputación do xefe de persoal da Deputación de Ourense nun caso de supostos cursos fraudulentos, lembrou que aínda está aberto un sumario que afecta a “varias persoas que teñen responsabilidades na Xunta”.

O portavoz socialista replicoulle ao presidente da Xunta, quen a corrupción afecta “a todos” puntualizando que “ningún partido é alleo a que haxa casos en que isto suceda, pero estamos vendo que a corrupción forma parte da forma de actuar do PP”. “O asunto –engadiu- no caso do PP é sistémico” para enumerar os casos de Baleares, Valencia, Madrid ou Murcia.

Sinalou que “trátase dun fenómeno que afecta ao centro do PP, non só porque estea encausado como tal, o que leva ao seu presidente a comparecer en sede xudicial, senón que –lembrou- tódolos tesoureiros do PP na democracia tiveron problemas legais por asuntos de corrupción política”.

Vixilantes

O responsable socialista sinalou que “temos que ser extremadamente vixilantes coa corrupción pero evitar o populismo fácil”. Respondeu á proposta doutros partidos de abrir unha Comisión de Investigación –que cualificou de “propagandística”- sobre os contratos do goberno galego co empresario investigado Villar Mir antes de dispor de “información que indique sospeiras con eses contratos”.