Os socialistas reclamarán no próximo pleno a rebaixa das peaxes da AP-9


O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou hoxe que os socialistas galegos presentarán no próximo Pleno do Parlamento unha proposición non de Lei para que o goberno central se faga cargo da suba das peaxes da AP-9. Os socialistas reclamaran que descarguen da carteira dos cidadáns o custe das obras de ampliación da vía.

O responsable socialista explicou que a suba das peaxes deriva da “actuación excepcional” de 2012, con Ana Pastor como ministra e Mariano Rajoy presidente do goberno, cando asinaron con Audasa cargarlle aos usuarios a suba do IVE do 18 ao 21 por cento, a compensación pola perda de ingresos ás concesionarias, e fixaba o incremento do 1 por cento anual durante 20 anos polas obras de ampliación.

Fernández Leiceaga sinala que, nun proceso de recuperación económica, o goberno central debería asumir os 400 millóns de euros que suporán estas compensacións que a empresa lle aplicará aos usuarios. Sinalou que “Feijóo debe ser capaz de arrincarlle a Fomento os orzamentos que a administración central deixou de executar en Galicia”.

Dixo que este importe compensa ao que o Executivo “aforrouse e non executou” durante cada ano entre 2012 e 2016, e o comparou cos 3.000 millóns de euros que investirá en Madrid para facer viables as autoestradas radiais. O portavoz socialista chamou á unanimidade dos grupos parlamentarios para apoiar esta iniciativa que suporía un custe “razoable” para “non cargar aos cidadáns co custe destas obras”.

O portavoz socialista instou ademais aos grupos parlamentarios a apoiar de forma “espero que definitiva” a Proposición de Lei para reclamar a transferencia da AP-9 á Comunidade Autónoma de Galicia, logo de “suprimir os aspectos aducidos polo PP para bloquear a súa tramitación no Congreso”.

Instou a “aprobar con certa rapidez” a iniciativa, de forma que poidan “establecer os mecanismos de negociación” co goberno central. Os socialistas galegos tamén presentarán unha pregunta oral para converter nun vial urbano o tramo da AP-9 que transcorre por Vigo.

Desemprego

Fernández Leiceaga explicou ademais que empregará a sesión de control ao presidente da Xunta para poñer o acento sobre o fracaso das políticas de emprego do goberno galego, que á luz dos últimos datos da EPA sinalan que “algo grave está pasando”. Advertiu que mentres a economía crece ao 3 por cento “non somos capaces de crear emprego”, xa que ao ritmo actual Feijóo tardaría 11 anos en volver ás cifras que atopou en 2009.

Sinalou que dende que comezou a recuperación económica “Galicia perde empregos”, xa que mentres no Estado foron creados 700.000 postos de traballo, nesta Comunidade Autónoma perdéronse 20.000. Urxiu unha “rectificación” á política económica do goberno galego para mellorar uns datos “moito máis preocupantes que a nivel estatal”.

Explicou que os datos da última Enquisa de Poboación Activa son “suficientemente elocuentes” para evidenciar un comportamento “máis moroso e menos dinámico” do mercado laboral galego. Así, mentres no último ano no Estado a ocupación aumentou en 400.000 empregos e un 2,3 por cento, en Galicia creceu á metade, só 12.000 postos de traballo, e o desemprego descendeu un 11 por cento en España e un 4 en Galicia.

Os socialistas levarán ao Pleno da próxima semana unha proposición non de Lei sobre as medidas de apoio ás familias monoparentais e monomarentais con dous fillos a cargo ou maiores con algún tipo de discapacidades.

Tamén presentarán unha interpelación sobre a política do Goberno galego en relación coa desestacionalización dos incendios forestais e dúas mocións sobre as subvencións e axudas destinadas ás entidades locais e as medidas de transparencia e bo goberno.

As preguntas orais centraranse neste caso na situación actual dos recursos e a calidade asistencial dos centros de Política Social da provincia de A Coruña e sobre as medidas do Goberno galego para apoiar ao sector téxtil en Ordes, co gallo do ERE presentado polo Grupo Deus e a ameaza dun peche que “deixaría á comarca nunha situación terrible”.