Os socialistas critican o "pasotismo do PP" ante a desigualdade laboral das mulleres en Galicia


A deputada socialista Noela Blanco presentou esta mañá unha Proposición non de Lei para instar ó goberno galego a poñer en marcha un Plan de Igualdade no emprego neste ano 2017, para “promover a inserción laboral efectiva das mulleres galegas”, e rematar coas “diferenzas significativas en termos de igualdade”.

Na Comisión de Facenda, Blanco criticou a existencia dun “teito de cemento armado” que provoca que “as mulleres non acaden postos de responsabilidade e cobren un 22% menos que os homes”, urxindo a “intensificar os esforzos para corrixir esta inxustiza dende as institucións”.

Unha situación “especialmente vergoñenta” na provincia de Ourense, onde “o PP leva moitos anos gobernando”, e que “conta cos peores datos de desemprego de toda España a pesar de ter unha fábrica de creación de emprego na Deputación”. Así, afeou o “pasotismo do Partido Popular”, lamentando que “queda moito por facer neste ámbito, mentres o goberno de Feijoo non fai absolutamente nada porque prefire defender ós machistas que ten nas súas filas”.

Un escenario que os socialistas consideran “realmente preocupante”, polo que insisten na necesidade de facer unha “diagnose previa” da situación laboral da muller en Galicia e redactar un documento con “obxectivos, prazos, ferramentas, e presuposto”, que “supoña un verdadeiro avance, e non outro brinde ao sol”.

Blanco defendeu que este plan, no que é “imprescindible a aportación das organizacións sindicais e empresariais”, inclúa “programas específicos” para aumentar a incorporación das mulleres ó mercado laboral, mellorar a súa calidade de emprego e fomentar o seu autoemprendemento.

“E para logralo é imprescindible aumentar a presenza de mulleres en tódolos sectores, apoiar aqueles cunha maior presenza feminina, e potenciar a conciliación da vida laboral e familiar” recalcou.