Os socialistas reclaman para Galicia un sistema integral de protección de denunciantes en posibles casos de corrupción


O portavoz de política institucional do grupo socialista, Juan Díaz Villoslada, presentou unha moción que levará ao próximo pleno do Parlamento con oito medidas para acadar “máis transparencia, mellor goberno e medidas contundentes contra a corrupción” en Galicia. Entre elas, que a comunidade conte cun sistema integral de protección de denunciantes de casos de corrupción ou a regulación da actuación dos grupos de presión (lobbies) ante a Xunta e o Parlamento. “Queremos darlle unha nova oportunidade a Feijóo para que amose un compromiso claro contra a corrupción”, indicou Villoslada, despois de que o PP votase en contra de regular a protección aos denunciantes nunha comisión e no debate do Consello de Contas.

“O PP con carácter xeral, a nivel estatal e a todos os niveis territoriais, está fóra de xogo para xogar o partido contra a corrupción”, afirmou o socialista. “Os dirixentes do PP non están lexitimados para atribuírlle a ninguén máis que a eles mesmos as responsabilidades pola corrupción. Feijóo fala de que estamos ante un pecado ao alcance de calquera, cando o que estamos é diante de grandes delitos que están minando día a día a calidade democrática do país”, apuntou.

O socialista censurou que Montoro falase onte “cinicamente” do gasto en servizos públicos como unha borracheira ou ir de copas. Son símiles “indignantes, indecentes e irresponsables”, di Villoslada. “Non poden falar de borracheira cando eles están absolutamente embriagados de corrupción. Non están facendo xogo limpo, están empregando fondos públicos para competir no terreo electoral”, engadiu.

Beatriz Mato e os cursos de formación

“O PP en Galicia forma parte da maquinaria electoral en España. O PP de Galicia é o PP de Rajoy”, engadiu. Así, lembrou que o número 2 da Gürtel, Pablo Crespo, foi tesoureiro do PP de Galicia, a recente apertura xuízo oral a Rogelio Martínez, e as tramas con instruccións abertas a día de hoxe con subvencións públicas de emprego en Ourense e a Operación Zeta na Coruña, que investiga posible financiación ilegal do PP. “Son subvencións de formación cando era conselleira Beatriz Mato, hoxe presidenta do PP na Coruña. Parece que estas formas de actuar catapultan os dirixentes populares”, dixo.

Con respecto ao sistema integral de protección de denunciantes de casos de corrupción, Villoslada chamou a evitar que en Galicia “suceda como en Madrid, que tiñan noticia de que Ignacio González tiña contas en Suíza e que os denunciantes poidan verse perseguidos”. Recordou que operacións como a Zeta xurden precisamente a raíz deste tipo de denuncias.