Galicia recibe o segundo peor dato de índice de producción industrial interanual do Estado


O portavoz de Industria e I+D+i do Grupo Socialista, Abel Losada, advertiu hoxe que Galicia obtivo o segundo peor Índice de Produción Industrial interanual de todo o Estado. Esta realidade, dixo, “contradí a propaganda que se esforza en vender o conselleiro de Industria e constata que o modelo económico e de creación de emprego de Feijóo ten unhas bases extremadamente débiles”.

Mentres en España o IPI interanual medrou un 9 por cento, en Galicia baixou un 2,9 por cento, tan só por enriba de Castela e León, o que para Losada “desminte a política de publicidade e propaganda do conselleiro de Industria”. Ademais “demostra que a creación de emprego, presentada como o gran éxito da política económica da Xunta, está fundamentada sobre unhas bases extremadamente débiles”.

Lembrou que o goberno galego “só pode presumir de crear emprego precario”, xa que este se concentra nos traballos non cualificados do sector servizos, fundamentalmente hostalería, turismo e comercio minorista.

Explicou ademais que, dentro deste dato negativo, “aos socialistas preocúpanos especialmente a caída da produción de bens de equipo, que anticipa unha redución dos niveis de actividade futura”. Neste apartado, mentres en España medra un 12,5 por cento, en Galicia cae un 0,9 por cento.

Engadiu que a insistencia do Executivo nun suposto liderado en innovación e tecnoloxía “non consegue agochar a realidade do tecido produtivo desta Comunidade Autónoma, que padece un monocultivo industrial con baixa produtividade aderezada coa elevada temporalidade e baixo nivel salarial do mercado laboral”.

Un escenario económico, concluíu, que “nunca nos permitirá competir internacionalmente en produtos de alto valor engadido, xa que cando o noso esforzo en I+D+i equipárase con Ucraína e Turquía, é imposible competir cos países máis avanzados do mundo”.