Os socialistas reclaman que a Xunta suspenda o decreto de vivendas turísticas para evitar a apertura de procesos xudiciais


O portavoz de Turismo do grupo socialista, José Manuel Pérez Seco, reclámalle á Xunta a suspensión da aplicación do decreto de vivendas turísticas “polo menos en seis meses” ata a súa modificación para que recolla os requirimentos da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), “en moitos casos coincidentes coas peticións do propio sector”. Os socialistas esixen este adiamento para “evitar a interposición de procesos xudiciais que obriguen finalmente á modificación do decreto”. Con isto “evitaríase un dano importante ao sector nunhas datas moi significativas, a piques de comezar a época de máxima ocupación”.

Pérez Seco criticou a “chapuza” do goberno galego con esta regulación, xa que onte, o día en que entraba en vigor a norma, viuse obrigado a publicar no Diario Oficial de Galicia unha instrución interpretativa para aclarar dúbidas. “Unha regulación desta importancia non pode arranxarse a base de parches; a Xunta debe asumir que ten que corrixir os seus erros antes de que nos vexamos inmersos nun lío xudicial que paralice o sector”, advertiu o socialista. Lembrou que xa está anunciado un proceso contencioso-administrativo ante o TSXG en caso de facer caso omiso das advertencias da CNMV, tendo en conta que naquelas comunidades autónomas nas que se presentou un recurso, sempre foi favorable aos requirimentos da Comisión.

Mocións nos concellos

Os socialistas presentarán tamén mocións nos concellos para pedir a suspensión deste decreto, que afecta a “unha das actividades económicas máis importantes para Galicia”, e corrixir os erros para que a normativa “nazca dun consenso que, a todas luces, se ve que non existiu, co obxectivo final de que sirva para os obxectivos para os que foi feito”.