Os socialistas levan ao Parlamento a petición de Ferroatlántica de vender as Centrais de Cee e Dumbría


O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou hoxe que os socialistas presentarán unha pregunta oral sobre a petición de Ferroatlántica de segregar a actividade das centrais hidroeléctricas de Cee e Dumbría con vistas á súa venda. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces do Parlamento que fixou a orde do día do Pleno da próxima semana.

O responsable socialista explicou que os socialistas reclamaranlle ao Goberno galego que explique a súa estratexia diante da decisión da empresa logo de que rexeitaran a solicitude de comparecencia do conselleiro de Infraestruturas presentada por toda a oposición a iniciativa dos socialistas galegos. Lamentou o veto do PP que supón, dixo, “furtarlle ao Parlamento un debate necesario”.

Engadiu que “estamos no momento da verdade”, no que “xa non se pode ocultar máis” a intención de Ferroatlántica, e apostou por que a Xunta rexeite a solicitude de segregación das centrais para manter a súa actividade. Reclamou ademais que o goberno galego garanta a continuidade dos investimentos na Costa da Morte e Arteixo a través dun Plan Industrial.

Fernández Leiceaga explicou ademais que a sesión de control ao presidente da Xunta centrarase sobre as consecuencias para Galicia das decisións do Goberno central en materia de infraestruturas. Amosou a súa preocupación sobre o rexeitamento á transferencia da AP-9 e a decisión de priorizar os investimentos no País Vasco e o corredor Mediterráneo, mentres anuncian restricións orzamentarias para o resto.

Xeadas

Os socialistas galegos presentarán ademais unha proposición non de Lei para reclamarlle ao goberno galego que “tome en serio os efectos das xeadas” nas explotacións vitivinícolas logo de que onte a conselleira do Medio Rural opinara “de forma simple” que “o que é asegurable non é indemnizable”. Para Leiceaga, a conselleira omite que “existe un problema co seguros agrarios”.

Reivindicou “un esforzo para que os agricultores poidan ter asegurado o rendemento das súas explotacións” co redeseño destes mecanismos de axuda, que están a ser desbotados polos agricultores pola súa escasa viabilidade. Recomendoulle ao goberno galego que siga os precedentes da Ribeira Sacra, onde foron concedidas axudas logo das análises de danos, e faga unha “reflexión apra garantir o futuro das denominacións de orixe”.

O próximo Pleno incluirá ademais unha interpelación sobre a falla de criterio do goberno galego para a realización das probas de avaliación de bacharelato para o acceso á Universidade no curso 2016 – 17. Ademais, presentarán unha proposición non de Lei para clarificar a situación dos pensionistas galegos procedentes de Venezuela que hoxe están sen percibir pensión nin subsidio.

Tamén incluirá unha pregunta oral para reclamarlle á Xunta unha moratoria de 6 meses na aplicación do decreto sobre Vivendas de Uso Turístico, que permita discutir a súa modificación coa Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia. Advertiu que o goberno galego “terá que cambiar o decreto” para dar solución ás vivendas que “queren entrar no rexistro do goberno galego e non saben cómo”.