El Periódico | 1886
     Suscríbase gratis
actualizado 7:03 PM UTC, May 29, 2017

Os socialistas denuncian que a "improvisación e falla de iniciativa" da Xunta provoca inseguridade xurídica nas avaliacións do alumnado de ensino obrigatorio


O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, advertiu hoxe que a “improvisación e falla de iniciativa” demostrada pola Consellería de Educación está a cuestionar os dereitos académicos dos estudantes e a seguridade xurídica das súas avaliacións. Álvarez levará ao próximo Pleno do Parlamento unha interpelación sobre a investigación aberta pola Valedora fronte a esta situación.

O responsable socialista sinalou a decisión da Alta Comisionada do Parlamento de investigar de oficio a xestión da futura proba de Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade –ABAU-. Sinala que a resolución cos criterios para as ABAU, aprobada o pasado 21 de febreiro, non foi publicada no DOG ata o 27 de marzo, un mes e unha semana despois, demostrando “prácticas máis propias de tempos pretéritos”.

Ademais, advertiu, hoxe as universidades non teñen aprobados os parámetros de ponderación nas probas de acceso á Universidade que se van realizar en 3 semanas, o que “nos coloca nunha situación sen precedentes”. Estas probas, de carácter voluntario, permite aos alumnos aspirar a subir a nota media, pero ao non coñecerse provocan unha situación “contraria aos principios básicos do ordenamento”.

Álvarez advertiu tamén que a Consellería negouse a informar á Mesa Sectorial de Educación da alteración dos criterios das avaliacións finais de primaria e secundaria deste mesmo curso, así como do cambio nos criterios para os profesores e profesoras que queiran acceder ás listas de interinos.

Bos e tontos

O tamén viceportavoz do Grupo Parlamentario acusou hoxe ao presidente da Xunta de “tomarnos por bos e tamén por tontos” ao admitir o veto do PP a debater máis de 4.000 emendas aos orzamentos no Congreso, incluíndo a práctica totalidade de propostas socialistas para aumentar os investimentos en Galicia.

Álvarez retrucoulle hoxe ao presidente da Xunta co mesmo argumento que vén utilizando de que “somos bos pero non tontos”, sinalando que grazas á súa posición política hoxe “non se nos considera absolutamente para nada, está claro que Galicia nin de lonxe é prioritaria, senón que é unha comunidade autónoma dócil” para o Goberno.

Ademais advertiu que mentres o goberno négase a considerar sequera as propostas da oposición para facer cargo dos 15.000 millóns de euros do Fondo de Continxencia, en Galicia o Goberno galego utiliza o recurso a este mesmo fondo como “práctica sistemática” para “facer fronte a gastos ordinarios da Xunta”.