Os socialistas solicitan unha visita institucional do Parlamento ás novas instalacións do 112


O portavoz de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, trasladou hoxe unha solicitude formal do Grupo Socialista para realizar unha visita institucional ás novas instalacións do 112 en A Estrada. O responsable socialista quere coñecer de primeira man o funcionamento operativo da nova plataforma de emerxencias e a situación laboral dos traballadores, en folga dende hai un mes.

Lamentou a tibia resposta do goberno galego ás sucesivas iniciativas parlamentarias pedindo explicacións do goberno polos problemas derivados do traslado ás novas instalacións en plena folga do persoal e sen ter garantido o funcionamento correcto da plataforma de xestión de emerxencias. Sinalou que “non pode ser que nos digan que todo funciona correctamente cando a evidencia apunta ao contrario”.

O responsable socialista pediu por iso unha visita institucional dos representantes dos grupos parlamentarios na Comisión Institucional do Parlamento poidan visitar as novas instalacións e así “poder coñecer de primeira man a situación actual do servizo e recibir información completa” sobre a situación laboral e o funcionamento dos novos sistemas.

Incidentes

Díaz Villoslada lembrou o rosario de incidentes rexistrados nos últimos días e nos que a poboación non puido contactar co 112, ou tardaron un tempo “inasumible”, como foi o caso dun accidente en Cesuras, un incendio nunha cociña en Pontecesures, ou o lume nun garaxe que calcinou dous vehículos en Monforte.

Estes incidentes provocaron mesmo, sinalou, unha carta aberta redactada pola Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia, e trasladada ao vicepresidente do Goberno galego esta mesma fin de semana.

O responsable socialista sinalou que “queremos que non pase nada e garantir que un servizo fundamental para a cidadanía solvente as deficiencias rexistradas na plataforma e teña garantida a paz laboral”. Lembrou que os traballadores do servizo de emerxencias están a protestar por un traslado sen apenas bonificacións cando suporá a perda do 14 por cento dos seus salarios.

Advertiu que o servizo afrontará o período estival, no que habitualmente aumentan as incidencias de emerxencias que teñen que ser atendidas por este servizo que necesariamente debe estar plenamente operativo para evitar problemas graves.