O Goberno adianta a negativa a garantir o obxectividade informativa e democratizar a CRTVG


O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, amosou hoxe a súa sorpresa por que o goberno trasladara á Cámara por escrito unha valoración contraria á tramitación da proposición de Lei de Reforma da Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual, presentada polo PSdeG. Explicou que “non recordo un criterio negativo da Xunta dende hai a lo menos 20 anos”.

O parlamentario socialista explicou que esta negativa evidencia que “prefiren seguir intervindo os medios públicos de comunicación, apostan pola manipulación e que non haxa neutralidade informativa”. A proposta, a favor de “garantir a obxectividade informativa e democratizar a CRTVG”, será incluída na orde do día do próximo Pleno do Parlamento”.

Esta proposta foi presentada logo de constatar que o Goberno galego leva xa seis anos coa Lei de Medios aprobada sen amosar ningunha intención de cumprila. Por este motivo inclúen prazos “definidos pero non excesivamente esixentes” para escoller ao director xeral por maioría parlamentaria, reforzar a figura do xornalista constituíndo o Consello de Informativos u o Estatuto de Persoal, ou a creación do primeiro contrato – programa.

Estes aspectos, dunha importancia capital para garantir a pluralidade e a obxectividade nos medios públicos de comunicación, foron obviados polo goberno galego dende a aprobación da Lei, en 2011. Fernández Leiceaga lamentou que todo pareza indicar que van continuar con este criterio, a raíz da resposta da secretaria xeral de Medios da Xunta, que literalmente sinala que se trata de “apartados que precisan dos seus propios tempos”.

Retrato do PP

O portavoz socialista explicou que esta resposta evidencia que “prefiren que non se leven a efecto” nin a aprobación do Estatuto profesional, nin a constitución do Consello de Informativos, nin a elección do director xeral por maioría reforzada. O PP terá a oportunidade no próximo Pleno, dixo, de “retratarse e dicir se comparte o criterio do Goberno en contra da Lei que eles mesmos apoiaron en 2011”.

Acusou ao goberno galego de ir en contra de todo o que significa dispor de transparencia e pluralidade informativa, a calidade dos medios e o control externo dos medios. Lembrou a repercusión positiva de ter un alto nivel de calidade democrática tamén nos medios públicos, xa que “estudios contrastados apuntan a que máis transparencia, con medios máis plurais e libres, redunda nunha menor corrupción e maior crecemento económico”.