Os socialistas trasladan a súa prepocupación pola incapacidade de Galicia de aumentar cotizantes e a fenda con respecto a España


A portavoz de emprego do grupo socialista, Noela Blanco, valora a caída do paro en 2016 pero pon o foco na “preocupante incapacidade” de Galicia para que a baixada do desemprego se traduza en postos de traballo reais e cotizantes á Seguridade Social, así como na “evidente fenda” que se está a consolidar entre a comunidade galega e o resto de España.

Así, a socialista destaca que en toda España as afiliacións á Seguridade Social subiron en 2016 en 540.655, un 3,12%, mentres que o paro rexistrado baixou en 390.534 persoas, un 9,54%, o que significa que o incremento das afiliacións é un 38% superior á baixada do paro rexistrado, “con 150.000 afiliacións máis que baixas no paro rexistrado”. Isto “contrasta claramente coa tendencia en Galicia”, onde as afiliacións subiron en 2016 en 17.613, un 1,86%, mentres que o paro rexistrado baixou en 22.894 persoas, un 10,1%. Isto significa que o incremento das afiliacións é un 23% inferior á baixada do paro rexistrado, “con 5.300 afiliacións menos que baixas no paro”.

A comunidade na que máis subiu o paro en decembro

“Imos varias velocidades por debaixo do resto, non somos capaces de medrar”, advirte Blanco, quen salienta asimesmo que decembro é “un novo exemplo claro” da fenda entre Galicia e o resto de España. Así, no último mes de 2016, Galicia foi a comunidade autónoma na que máis subiu o paro de toda España, e unha das únicas catro nas que subiu, ademais de rexistrar o segundo maior descenso mensual de afiliacións á Seguridade Social. “Isto, sumado á precariedade, a temporalidade e o tipo de empregos merece unha reflexión profunda”, afirma.