Os socialistas esíxenlle ao Santander un "comprimiso social" con Galicia e a Coruña cunha atención especial a clientes e pemes


O deputado autonómico Juan Díaz Villoslada e o presidente da xestora socialista da Coruña , Florencio Cardador, trasladaron esta mañá a “máxima preocupación” dos socialistas ante a nova situación financeira na cidade en en Galicia tras a “venda exprés in extremis” do Banco Pastor-Popular ao Banco Santander.

Villoslada anunciou o rexistro de iniciativas no Parlamento para coñecer cales son as medidas que vai poñer en marcha a Xunta para “tratar de amortiguar o impacto” que esta operación terá no tecido financiero galego e para artellar fórmulas que acompañen as reclamacións dos afectados.

O deputado coruñés esixiulle ademais ao Santander un “compromiso social” con Galicia e coa cidade da Coruña cunha atención particular e especial á rede “arraigada” de clientes e pemes existente no territorio. Villoslada apuntou a que “estamos no punto final do tecido financeiro propiamente galego” tras varias ondanadas que afectaron á cidade e a Galicia, e “hai un arraigo non só de accionistas, senón de clientes e pemes que estaban financiadas polo Pastor. Un arraigo especial nos servizos financeiros, e debemos ter a capacidade de contar con ferramentas propias para o noso desenvolvemento”, advertiu.

O socialista lamenta “un proceso excesivo de concentración financeira”, co que en Galicia só dúas entidades terán as tres cuartas partes do mercado. “Pode haber problemas para os consumidores, e pedimos aos órganos estatais e autonómicos de competencia que estean vixiantes”, dixo.

Tamén reclamou que o Santander garanta a “non exclusión financeira” das zonas rurais. Por outra banda, incidiu no posible impacto no emprego que terá este proceso de concentración. Así, falou dun número cercano aos 3.000 empregados e empregadas afectados en Galicia (Uns 1.450 do Popular dos que un millar viñan do Pastor, uns 900 do Santander máis 500 empregos indirectos). Só nos servizos centrais do Pastor na sede da Coruña (80), no CPD de Orillamar (uns 170) e no call center de Bergondo (unhas 50 persoas), suman 300 persoas na cidade e o seu entorno.

“É persoal de alta cualificación e preocúpanos o seu futuro”, polo que propuxo tamén unha mesa de traballo coas institucións para poder darlle saída a este problema. Por último, trasladou preocupación polo futuro da Fundación Barrié, “un dos buques insignia da proxección da cidade”, tras a perda da súa posición no Popular e tendo en conta que ten alugadas as sedes centrais da Coruña e Vigo.

Ante toda esta situación, Villoslada criticou a “grave falta de responsabilidade” do presidente da Xunta ao non aceptar comparecer no vindeiro pleno do Parlamento para dar información e explicar as medidas que poden adoptar. “Ás veces non só hai que falar de competencias, senón da responsabilidade política que un ten sobre un territorio.

Queremos que se comprometa de forma clara e contundente nas medidas que se poidan tomar”, concluíu. Na mesma liña, Cardador trasladou o “sentimento de burla e soidade” da cidade da Coruña tras o novo afundimento dun símbolo, e lamentou que “a capital financeira de Galicia” vaia perdendo todos os seus activos sen que o goberno soubese estar á altura.