Os socialistas propoñen mobilizar 700 millóns de euros do orzamento para crear emprego, impulsar a economía e recuperar os servizos públicos


O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquíon Fernández Leiceaga, propuxo hoxe mobilizar máis de 700 millóns de euros dos orzamentos da Xunta para crear emprego, incentivar a economía e recuperar os servizos públicos. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces que fixou o Pleno do próximo luns no que terá lugar o debate de Totalidade dos Orzamentos.

Explicou que os socialistas galegos presentarán unha emenda á totalidade aos orzamentos da Xunta polas “claras diverxencias” no proxecto e os obxectivos económicos do PP. Criticou que estes se conformen co enfriamento da economía, que prefiren aumentar a débeda sen recuperar os investimentos nin crear emprego e reforzar a fiscalidade indirecta mantendo os recortes nos servizos públicos.

O responsable socialista presentou un proxecto alternativo centrado na recuperación dos servizos públicos e no incremento das partidas para emprego, o gasto en I+D ou o impulso á economía, garantindo unha maior eficacia na execución orzamentaria. Para iso, explicou, o goberno galego debe incrementar os ingresos en 370 millóns de euros e reducir o gasto en outros 347, reducindo salarios de altos cargos ou publicidade.

En concreto, os socialistas galegos propoñen destinar 200 millóns de euros adicionais a un Plan de emprego, 100 a sanidade, 65 a ensino, 20 ás universidades ou 190 á atención ás familias con menos ingresos e fillos a cargo, ademais de outros 40 millóns adicionais para políticas sociais. Ademais, sinalou a necesidade de reforzar as medidas de combate contra a pobreza ou o reforzo dos servizos públicos.

Financiamento autonómico

O portavoz socialista urxiu ao presidente da Xunta a ofrecer as súas propostas concretas e mecanismos para mellorar a posición de Galicia no modelo de financiamento autonómico, que será debatido a próxima semana. Lembrou que foi o Grupo Socialista quen interpelou a Feijóo nunha sesión de control do Parlamento de decembro sobre este asunto sen obter ningún tipo de resposta do xefe do Executivo autonómico.

Fernández Leiceaga tachou de “meramente retórica” a proposta de Feijóo a favor da unidade e sinalou a importancia de presentar unha posición consensuada no próximo Consello de Política Fiscal e Financeira. O obxectivo, engadiu, é “perfeccionar e mellorar” o modelo actual, que xa incorpora baremos como o da dispersión poboacional para mellorar a solidariedade entre as comunidades autónomas.

Explicou que as ponderacións actuais non cobren tódalas necesidades de rexións envellecidas, como é o caso de Galicia, cunha poboación que demanda máis atención sanitaria, políticas sociais ou de dependencia. Ademais, reclamou mecanismos que garantan o equilibro no crecemento territorial, para reducir as desigualdades no desenvolvemento das distintas comunidades autónomas.