Réxime de sancións para as agresións por LGTBIfobia


A portavoz de Política Social, Emprego, Mocidade, Voluntariado e LGTBI do Grupo Socialista, Noela Blanco, propuxo hoxe incorporar un réxime de sancións contra as agresións homófobas á Lei de Igualdade de Trato e non Discriminación de LGTBI. Así o dixo logo dun encontro con representantes de colectivos LGTBI que tivo lugar hoxe no Grupo Socialisat.

A responsable socialista condenou a agresión homófoba rexistrada o día de Aninovo en A Coruña e anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias para poñer sobre a mesa a urxencia de “sacar do armario” a dita Lei, paralizada polo PP e sen desenvolver dende a súa aprobación en 2014. Os socialistas galegos queren introducir na dita norma “un réxime de sancións para castigar os casos de discriminación e vexación de persoas debido á súa orientación sexual”.

Trasladou a repulsa do Grupo Socialista a actuacións como a sufrida por unha persoa en A Coruña e salientou a importancia de “que se denuncien feitos destas características para que a LGTBfobia non quede impune e invisibilizada”. Propuxo ademais incrementar os recursos e o esforzo das administracións “para crear os mecanismos adecuados para que as vítimas poidan denunciar de forma sinxela e eficaz aquelas situacións de discriminación ou de violencia por razón de identidade sexual”.

Instou a “utilizar tódolos instrumentos e mecanismos á nosa disposición co obxectivo de xerar as condicións adecuadas para que todas as persoas, sexa cal fora a súa orientación sexual ou identidade de xénero, vexan protexidas a súa dignidade, os seus dereitos fundamentais á integridade, á liberdade e ao libre desenvolvemento da súa personalidade e a efectiva igualdade de trato ante a Lei e tamén ante a sociedade”.

Noela Blanco lamentou o nulo interese do goberno galego en impulsar unha norma presentada no seu día polos socialistas galegos e aprobada sen votos en contra no Parlamento de Galicia. O resultado é que “a cotío no atopamos con graves problemas de discriminación na relación coas administracións públicas, no ámbito educativo, sanitario, na rúa, nos xulgados ou nos medios de comunicación”.