Feijóo comparecerá a petición da oposición para dar conta da Conferencia de Presidentes


O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, urxiu hoxe ao presidente da Xunta a consensuar unha posición común no debate tanto do modelo de financiamento como sobre a cuestión demográfica que comeza hoxe na Conferencia de Presidentes Autonómicos. O presidente da Xunta comparecerá no próximo Pleno a petición dos grupos da oposición para dar conta dos resultados da Conferencia.

O responsable socialista advertiu que os galegos e galegas aínda non coñecen, no mesmo día en que se celebra o encontro, cal é a posición ou as demandas que supostamente vai defender o presidente da Xunta. Advertiu que “sen unha posición clara e compartida dificilmente poderemos avanzar, e sen apoio político a posición de Feijóo ten menos valor” no contexto das comunidades autónomas.

Sinalou que “non agardamos grandes novidades máis aló de acadar un compromiso político e apuntar a estratexia para afrontar tanto o problema demográfico como o novo modelo de financiamento autonómico”. Os socialistas galegos presentarán no próximo Pleno, por este motivo, unha interpelación para coñecer a posición do goberno galego sobre a revisión do modelo e suscitar unha moción posterior cun “pronunciamento explícito” da Cámara autonómica.

Sesión de control

Fernández Leiceaga explicou ademais que a sesión de control que terá lugar no Pleno da próxima semana contará cunha pregunta do Grupo socialista sobre o fracaso das políticas do goberno galego en materia de emprego xuvenil. Explicou que o balance de Feijóo conta con 160.000 empregos perdidos, concentrados fundamentalmente no tramo de 18 a 35 anos de idade.

Explicou que “toda a xuventude cumpre co que lles pedimos en materia de formación, pero o único que lles ofrecemos a cambio é un muro que fai imposible atopar un traballo á altura”.

O próximo Pleno incluirá tamén unha proposición non de Lei do Grupo Socialista con propostas para evitar as saturacións das urxencias hospitalarias, derivadas da “falla de previsión” do goberno galego. Tamén será presentada unha pregunta oral sobre a subhasta dos terreos da Solana e do Hotel Finisterre, en A Coruña, por parte da Autoridade Portuaria desbotando a oferta do Concello de incorporalos ás dotacións públicas.

Tamén presentarán unha interpelación sobre a política do Goberno galego en relación cos retrasos por parte de Fomento na execución da liña de alta velocidade ferroviaria en Galicia. Finalmente, solicitarán a través dunha proposición non de Lei a constitución dunha plataforma de elaboración das programacións didácticas de educación infantil, primaria, secundaria, obrigatoria e bacharelato.

Caixas

Fernández Leiceaga sinalou a constitución da Comisión de Investigación das Caixas o próximo luns, co obxecto de elaborar o ditame definitivo e dar por rematado o seu proceso, logo de permanecer conxelada durante toda a lexislatura pasada. O portavoz socialista salientou a “sorpresa positiva” que supón a execución da condena contra os ex directivos polas indemnizacións millonarias autoasignadas.

Logo do remate do proceso xudicial, dixo, cumpre “que dende o plano político cumpramos co noso” rematando co traballo do dito órgano e “ofrecendo un relato convincente á sociedade”. Neste sentido, amosouse disposto a incluír comparecencias adicionais na Comisión de Investigación que poidan “ofrecer luz sobre aspectos novos” do proceso de fusión e privatización das caixas.