Leiceaga, “seguro” de que a nova proposición de lei conxunta evitará o “veto político” para a transferencia da AP-9


O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, e a deputada Begoña Rodríguez Rumbo presentaron hoxe en Ordes as emendas aos Orzamentos da Xunta que afectan ao concello. Leiceaga destacou asimesmo a importancia da iniciativa conxunta do Parlamento dunha nova proposición de lei para a transferencia da AP-9 a Galicia que evite “o veto político” para a súa tramitación no Congreso. “É unha boa noticia e estamos seguros de que desta vez se vai discutir no Congreso, para despois poder discutir desde Galicia coa concesionaria como podemos mellorar a xestión” da autoestrada, dixo.

“Cedimos todos”, destacou Leiceaga, que incidiu na importancia desta estrada para a xeración de riqueza na comunidade. “Conseguimos unanimidade e fixémolo de maneira que se evite o veto político fundamentado nunha triquiñuela regulamentaria”, coa que o Goberno poñía como excusa “que podía afectar ás contas do Estado”. Unha vez eliminada esa parte, “con esta nova lei evitamos que poida vetarse a tramitación no Congreso”, explicou. “Que a titularidade sexa do Estado supón que cando hai que decidir sobre un novo acceso como o de Sigüeiro, sobre o acceso en Vigo ou sobre Alfonso Molina na Coruña, ou sobre a racionalización de peaxes, todo o decide o ministerio de Fomento. Queremos que se faga desde Galicia porque desde a proximidade vaise facer mellor, e todo isto desde Fomento vese moi lonxano”, e o acordo parlamentario “permite avanzar nese camiño”.

Emendas para Ordes

Xunto coa voceira socialista en Ordes, Verónica Gómez, e o secretario xeral local, Suso Pedreira, Leiceaga presentou as emendas aos Orzamentos da Xunta para Ordes, “a primeira referencia urbana da comarca”. Entre elas, a que solicita a reparación de dous depósitos de auga en Reboredo que están fendidos ou a incorporación de radioloxía dixital no centro médico de Ordes para evitar os desprazamentos a Santiago e a saturación das urxencias do CHUS.

Os socialistas tamén solicitarán a ampliación, mellora e conservación da estación de tratamento de auga potable e axudas para a xestión e mantemento do Museo do Traxe Juanjo Liñares. “O Museo do Traxe reflicte a nosa indentidade pero tamén ten unha dimensión turística innegable nun lugar próximo ao camiño inglés, que debe potenciar a riqueza para estas zonas”, afirmou Leicega, que comprometeu tamén accións desde o Parlamento para a industria da confección ou as necesidades do mundo rural.